Nesta entrada falarei da
miña experiencia relacionada coa saúde ata o día de hoxe.
Quería empezar por
destacar a educación que recibía tanto no colexio como en casa sobre este tema.
Sendo pequena comía na casa dos meus avós por mor dos horarios que tiñan meus
pais no traballo. Creo que a maioría das avoas, ou case todas, inculcan aos
netos a comer de todo e en cantidade, polo que a miña alimentación considero
que era moi boa.
Na aula de infantil
tiñamos un armario onde cada neno gardaba o seu cepillo de dentes, o seu
mandil, a merenda para o recreo e unha muda de roupa que sempre gardabamos en
clase por se algún dia ou nalgún momento necesitábamos cambiarnos. Antes do
recreo a profesora acompañábanos ao lavabo a limpar as mans para comer logo a
merenda.
Ensinábannos a importancia
dunha boa alimentación e unha boa hixiene mediante xogos.
Respecto a problemas de
saúde non tiven ningún grave: Con 7 ou 8 anos de idade, recordo ter a varicela
debido ao contaxio do meu irmán que a padecía dende un par de días antes;
recordo que entre os dous había moita diferenza nese momento, xa que no meu
caso, saíranme moitos menos graniños e durárame menos días.
Durante case toda a vida,
fixéronme un seguimento cada poucos meses debido o meu crecemento. Dende
infantil, crecía moi poucos centímetros ao ano, o que me facía estar sempre por
debaixo da media normal, e aos 11 anos fixéronme unhas probas de sangue a min e
aos meus pais, para descartar calquera problema grave no crecemento. A esa
idade, as probas confirmaron que non tiña ningunha enfermidade nin problemas
que impediran o meu crecemento, pero que posuía a altura e o peso dunha rapaza
de 9 anos. A única explicación podía ser unha falta de calcio polo que me
recomendaron unha marca específica de leite.
Outro detalle a destacar,
foron os veráns entre os 12 e os 15 máis ou menos. Coma a maioría de persoas,
durante esta época vestía con sandalias ou zapatos abertos o que me producía
unha especie de cortes nos pés que podían chegar a abrirse demasiado e comezar
a sangrar. Fun o médico e dicíame que iso podía deberse a ter a pel nesta parte
do corpo demasiado seca nesa época de calor: a solución para as curas era botar
crema hidratante e durmir con calcetíns. á mañá seguinte tiña os cortes
bastante mellor. Sen saber o
porqué e dun ano para outro, non me volveu a acontecer iso, a pesar de que en
ningún momento prescindín do uso de calzado aberto ou de sandalias.
Teño todas as vacinas que
lle poñen ás persoas ata os 14 anos. a última que me puxeron, creo que foron
tres, con 15 anos, e era contra o cancro de útero.
No verán do 2008, coa
axuda dunha beca da Xunta de Galicia, fun durante tres semanas a unha residencia
nunha cidade de Inglaterra. Ata entón sempre fun unha rapaza que era difícil
que enfermara aínda que fora dun simple catarro. Pero os últimos días da miña
estancia naquel país, tivera unha inflamación grave na garganta, o coñecido
como "placas". Recordo estar bastante mala, con febre na cama,e que
apenas comía debido á dor que sentía o tragar. Aquela infección marcou bastante
a miña vida a dia de hoxe, xa que dende aquel ano, agora teño moitísima
facilidade para pórme mala da garganta con inflamacións unhas 4 ou 5 veces ao
ano. o ano pasado, fun a un especialista que me dixo que non era normal sufrir
da garganta tantas veces nun mesmo ano, e que se seguía así, era mellor que me
operara. Sigo padecendo bastante destas infeccións, aínda que non tan
reiteradamente, polo que prefiro non operarme de momento.
A pesar de todo iso, non
considero que tivera ningún problema grave de saúde durante a miña vida. Agora
coido bastante a miña alimentación, aínda que vivindo soa fora da casa durante
o curso, como menos saudable pero intento levar unha dieta variada. tamén
intento non abusar moito no uso de pastillas como "ibuprofeno" senón
é nun caso de forte dor de cabeza ou dese tipo de molestias.
DIZ QUEIJA, REBECA
No hay comentarios:
Publicar un comentario